Friday 29 de March de 2024

Os alumnos do obradoiro de emprego de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría, financiado pola Xunta, reciben os diplomas


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou aos alcaldes María José Pose e Juan José Blanco, e á tenente de alcalde de Dumbría María Agulleiro

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu esta mañá ao acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Posta en Valor dos Núcleos Rurais no Entorno do Camiño de Santiago nos Concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría, concedido pola Xunta aos concellos mencionados. Estivo acompañado polos alcaldes María José Pose e Juan José Blanco, e por María Agulleiro, tenente de alcalde de Dumbría.

Organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría, o obradoiro conxunto formou, durante os últimos seis meses, a 20 alumnos-traballadores, baixo a tutela de seis profesionais que desenvolveron a súa actividade como directora, mestres e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de medio ano, diversos traballos de acondicionamento e actuacións de atención sociosanitaria nos tres municipios promotores. Con este fin a Xunta achegou máis de 179.000 euros.

O proxecto formativo Posta en Valor dos Núcleos Rurais no Entorno do Camiño de Santiago levou a cabo ata 7 actuacións de acondicionamento e mellora de outras tantas instalacións dos concellos de Mazaricos e Santa Comba nos que se desenrolou o módulo de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Así, en Mazaricos se fixeron as obras necesarias para unha parcela de equipamentos na Picota, na área de lecer da Pontenova, na fonte pública de Cumbráns, en Fornís e na fonte pública de Pidre.

En Santa Comba os alumnos-traballadores melloraron e acondicionaron o centro de formación ocupacional e pavimentaron as zonas peonís da Avenida de Santiago. Os alumnos de Atención SociosanItaria en institucións sociais desenrolaron a súa tarefa nos tres concellos participantes.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos.

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de máis de 5.300.000 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.

Ovidio Rodeiro aproveitou a clausura para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Ao igual que o pasado ano, inclúense obradoiros de emprego específicos para os menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase na vindeira convocatoria a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.